Búscanse fachadas de edificios para intervención artística!
O Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual, busca medianeiras cunhas medidas aproximadas de entre 10 metros de longo e uns 15 metros de altura no barrio de Vista Alegre. Se estades interesad@s en ceder algunha parede do voso edificio para que acolla un mural, sen custo para a comunidade, poñédevos en contacto connosco!
Máis información en 7hcoop@7hcoop.gal, no teléfono 881 97 87 56 e na web https://7hcoop.gal/delasfest/
Esta convocatoria ten por obxecto crear un repositorio de muros mancomunados para a creación artística no marco do Delas Fest, ampliando o seu territorio de acción coa implicación da veciñanza.
Para descentralizar e espallar as obras artísticas realizadas ao abeiro do festival por diferentes recunchos da comarca de Compostela, buscamos a persoas ou entidades que, como propietarias ou co-propietarias dalgún inmoble ou edificación, desexen ceder gratuitamente algunha parede ou muro susceptible de ser soporte das intervencións artísticas. Estas intervencións desenvolveranse sempre desde o diálogo creativo co contexto sociohistórico e o espazo físico que as acolla, procurando a súa integración no resultado final.
MODALIDADES
As intervencións artísticas desenvoltas no Delas Fest realízanse a través de dúas modalidades e sobre soportes de diferentes tamaños e características:
- Modalidade A: intervencións de gran formato. Para este tipo de obras buscamos medianeiras ou paredes cunhas medidas aproximadas de, cando menos, 15 metros de longo e non máis de 12 metros de altura.
- Modalidade B: intervencións de mediano e/ou pequeno formato, desenvoltas no marco de obradoiros participativos dirixidos por especialistas e realizados a través de procesos de creación colectiva con persoas de diferentes perfís. Para este tipo de pezas, procuramos pequenos muros ou paredes cunhas medidas aproximadas de entre 7 e 12 metros de longo e non máis de 3 metros de altura.
CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
Por unha banda, a persoa cedente comprométese a:
- Facilitar sen custo de cesión o espazo proposto para a realización dunha intervención artística no marco do Delas Fest.
- Non impoñer condicionantes referidos á temática e/ou execución artística, de forma que non se atente á liberdade da creadora designada pola organización.
- Non obstaculizar a visión da fachada mediante ningún tipo de instalación permanente.
- Non superpoñer elementos publicitarios na parede ou muro sobre o que se realizou a intervención artística durante un período de tempo non inferior a 10 anos no caso da “Modalidade A” e de 3 anos no caso da “Modalidade B”.
Por outra banda, a organización comprométese a:
- Supervisar o desenvolvemento das intervencións artísticas nos espazos cedidos.
- Tramitar os permisos necesarios para a intervención artística, así como a asumir todos os custos asociados á súa realización, incluído o seguro de responsabilidade civil obrigatorio.
- Elaborar e asinar un acordo de colaboración entre as partes con anterioriade á cesión do espazo a intervir no que consten as condicións específicas do mesmo.