Barrio de Vista Alegre

O Polígono de Vista Alegre, cunha superficie de 5,9 hectáreas, localízase ao noroeste da cidade de Santiago de Compostela. Foi previsto e planeado como espazo urbano con uso residencial no Plan Xeral de 1959. No tocante á construción do Polígono, é de interese sinalar que se trata de vivenda de protección oficial de promoción privada. Isto quere dicir que se ben os terreos sobre os que se edificou o polígono eran de titularidade pública (neste caso a propiedade pertencía ao concello da cidade) a promoción, construción e venda das vivendas correron por conta de entes privados. A construción de vivendas fíxose en tres fases, a primeira delas, entre 1970 e 1971, determinou a morfoloxía de todo o barrio. A peculiaridade máis notoria é a existencia de terrazas nos bloques que presentan un elevado estado de deterioración. A segunda fase data de 1987 e foi un apéndice da promoción inicial, da que segue os mesmos patróns estéticos. A terceira fase ultímase a finais de 1987 e ten como características diferenciadoras, respecto das dúas anteriores, a existencia de ascensores interiores e un avance notable no aspecto exterior dos bloques.

Esta área foi declarada o 17 de abril de 2006 e comprende 752 vivendas distribuídas en 47 edificios.

(Fonte «Instituto de Vivenda e Solo»).

Lugares de interese

Campus Norte

Facultade de Ciencias da Comunicación.

Tras a construción do Centro Galego de Arte Contemporánea, o recoñecido arquitecto Álvaro Siza aborda o seu segundo gran edificio en Santiago de Compostela coa Facultade de Ciencias da Comunicación, no Campus Norte da Universidade compostelá.

É realmente excepcional nun edificio docente a calidade e a implicación no deseño do mestre portugués, que chegou a definir as pezas de mobiliario. Siza traballou contando coa total confianza dos responsábeis universitarios, conscientes de que, ademais dun equipamento docente, estaban xestionando a construción dunha obra arquitectónica contemporánea notábel.

Xa finalizada a obra e con ocasión dunha celebración universitaria, Siza asinou no libro de ouro da Universidade expresando o seu agradecemento pola oportunidade brindada pola institución, en concreto por «permitirme ser arquitecto», como escribiu o arquitecto galardoado co premio Pritzker.

A Facultade de Ciencias da Comunicación está composta por un longo corpo axial, ao que se conectan, en perpendicular, unha serie de volumes como a biblioteca ou a aula magna. Esta organización ofrece unha riqueza espacial ambigua e poética, como é característico na obra de Siza. Resultan especialmente memorábeis a secuencia de entrada, baixo o volume da biblioteca, apoiada nunha única pata excéntrica, e a rampla interior, aberta ao atrio de distribución, pola que se accede ás diferentes aulas. Ata o último detalle do equipamento do edificio está resolto polo arquitecto, desde os bancos das aulas ou as agarradoiras das portas ata o deseño dos elementos gráficos que indican o sexo ao que están destinados os aseos. Esta circunstancia converte un edificio docente nun notábel exemplo de obra de arte total da arquitectura contemporánea.

Facultade de Filoloxía

A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela deseñouse observando escrupulosamente as determinacións do Plan Especial redactado para a implantación dos grandes equipamentos de uso universitario do Campus Norte. Esta normativa, ademais de fixar aliñamentos para a nova facultade, esixía que se puidese circular baixo o edificio a través do pórtico debuxado pola súa estrutura. Noguerol e Díez conciliaron o complexo programa do edificio e as normativas urbanísticas mediante unha formulación estrita e clara: dous corpos lonxitudinais paralelos, un destinado a aulas e outro a despachos dos diferentes departamentos e, no medio, un volume singular que alberga os usos compartidos coma o vestíbulo, o salón de actos, o salón de graos e a biblioteca.

O despezamento volumétrico do edificio en tres pezas, as dúas laterais, levantadas do chan por piares, como prismas de gran lonxitude e escaso grosor, e a peza central, máis baixa e ancha con cubertas curvadas, presenta unha formulación estrita e comprensíbel. Esta claridade dispositiva enriquécese co modelado espacial do interior destes volumes e o coidado deseño de cada un dos elementos que os completan. Así, as fachadas vanse diferenciando, transformando os ocos de acordo coas orientacións e o uso dos espazos alumeados. Diversos elementos como as escaleiras de incendios ou os ocos que se abren ao espazo graduado da biblioteca, posúen un carácter case escultórico. A perfecta concordancia entre riqueza plástica e enfoque funcional rigoroso que caracteriza a arquitectura de Noguerol y Díez invitará ao visitante a facer un percorrido minucioso a través deste edificio.

Auditorio de Galicia

En 1964 o arquitecto Julio Cano Lasso realizou un conxunto de pavillóns para albergue de peregrinos, con ocasión do Ano Santo. A obra, concibida como temporal, mantívose anos ofrecendo aloxamento a estudantes. Sobre a traza daquela obra, modesta e exemplar pola súa racionalidade e implantación, o mesmo autor construíu o Auditorio de Galicia. Este gran complexo, destinado a dotar a Santiago dun edificio capaz de desenvolver unha programación musical e expositiva de alto nivel, proxectouse cunha serie de severos volumes de pedra, co contrapunto de panos de vidro horizontais, con particións brancas e miúdas, que evocan a tradición das galerías.

O edificio do Auditorio amosa a súa vocación de construír a cidade ao respectar a praza existente para convertela nun grande escenario urbano, porticado en dous dos seus lados, antesala exterior do edificio. Tras o sobrio pórtico elévase o volume prismático da sala principal do auditorio. Este volume cego e totalmente forrado por un muro de cantaría de granito cego é o referente visual do edificio desde os diferentes lugares de Santiago desde os que é visible.

Un regato existente emprégase para crear unha gran lámina de auga na parte traseira do edificio, onde se deseñou, vinculado ao equipamento cultural, o Parque da Música en Compostela, ao que se abren xenerosos panos de cristal como a galería do restaurante, que queda voada sobre a auga, ofrecendo unha fermosa vista do parque e da cidade histórica como fondo.

Parque de Vista Alegre

O parque de Vista Alegre, ou Finca Simeón, conserva as evidencias do xardín privado que foi: no seu opaco peche, nas estatuas que gardan o camiño, nas súas árbores –palmeiras, laranxeiras, maceiras, camelias, araucarias, etc., algunhas delas centenarias- e na súa pérgola e outros recantos sombreados que convidan a sentarse e descansar.

Sobre esta propiedade, que pertenceu a unha importante familia de banqueiros da cidade –os Simeón-, ademais da casona de estilo colonial de comezos do XX –rehabilitada polo premiado César Portela como selecto aloxamento de académicos universitarios, chamada Casa de Europa-, érguense agora, segundo proxecto de ordenación do mundialmente coñecido Arata Isozaki, o Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago e a Escola de Altos Estudos Musicais.

A Escola de Altos Estudos Musicais, obra de Antón García Abril rematada no 2001, é un gran cubo de toscas pezas graníticas, en cuxo deseño foron determinantes os requirimentos acústicos aos que estaba destinado. A pesada mole do edificio póusase no terreo axardinado, case sen tocalo, transmitindo a sensación de que aboia sobre a suave ondulación do solo. O interior, presidido por un baleiro que percorre toda a altura e conecta os diferentes espazos, está bañado de luz por un lucernario disposto na cuberta plana.